Saltar ao contido

Winnipeg (barco)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Winnipeg foi un barco francés de principios do século XX. En 1939 transportou dende Francia ata as costas de Chile preto de 2500 inmigrantes españois, refuxiados tras a guerra civil española. A iniciativa foi tomada polo poeta chileno Pablo Neruda.

Durante a guerra civil miles de españois fuxiron a Francia, se ben a maioría dos refuxiados foron encerrados en campos de concentración, separados das súas familias e mantidos baixo pésimas condicións.[1]

Pablo Neruda foi cónsul de Barcelona e logo en Madrid ata 1936, cando tivo que fuxir das tropas franquistas, xa que por ese entón xa se declarara abertamente comunista e o seu traballo se volvera cada vez máis político. Un dos feitos que máis o marcou foi o asasinato do seu amigo Federico García Lorca en 1936. Unha vez de volta en Chile, non deixou de estar ao tanto da situación en España, e é así como, ao decatarse das tráxicas condicións dos refuxiados en Francia, xorde a idea de traelos a Chile. Auspiciado polo entón presidente chileno Pedro Aguirre Cerda, quen o nomea cónsul de París, parte a Europa a organizar esta travesía.[2]

Para a viaxe contratouse o antigo cargueiro francés Winnipeg, que habitualmente facía percorridos con non máis de 20 pasaxeiros. Instaláronse liteiras de madeira nas súas bodegas e finalmente alcanzou unha capacidade para transportar as 2500 persoas seleccionadas. O mesmo Neruda, xunto á súa esposa arxentina Delia del Carril, revisou unha a unha as miles de solicitudes de españois para viaxar a Chile. Coa axuda do ex Goberno Republicano español seleccionou os inmigrantes, non só artistas, intelectuais ou políticos, senón tamén obreiros, pescadores, comerciantes, homes e mulleres capacitados e de esforzo que podían achegar á sociedade chilena.[3]

No porto francés de Trompeloup-Pauillac, reuníronse centos de familias separadas pola traxedia. Un mes máis tarde, o 3 de setembro de 1939, o Winnipeg atracou no porto chileno de Valparaíso. Ao día seguinte finalmente desembarcaron e foron recibidos polas autoridades chilenas. A maioría dos españois permaneceron en Chile, onde comezaron unha nova vida, moitos outros familiares seguiríanos anos máis tarde ao novo fogar en América.

O poeta Pablo Neruda dedicoulle ao Winnipeg un dos seus poemas, titulado Misión de amor e del dixo:

Que a crítica borre toda a miña poesía, se lle parece. Pero este poema, que hoxe recordo, non poderá borralo ninguén

— Pablo Neruda, [1]

Galegos no Winnipeg

[editar | editar a fonte]

Grazas ao testemuño de Pancho de Pita, un dos fillos dos embarcados no Winnipeg, sábese que tiñan ao redor de 20 galegos entre os españois refuxiados. Entre eles o pai de Pita e dous dos seus irmáns, todos eles sindicalistas de Cariño, na provincia da Coruña, que alcanzaron a fuxir a tempo das tropas franquistas. Foi nun campo de concentración en Francia onde se decataron da travesía a Chile, e con diñeiro mandado dende Galicia puideron comprar as súas pasaxes que os levou a terras chilenas. Varios dos galegos comezaron a traballar na industria de fariña de peixe en Chile, pero a maioría seguiu camiño ata a Arxentina ou o Uruguai, onde tiñan parentes, emigrantes de anos anteriores.[4]

Galegos embarcados no Winnipeg

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 La historia del Winnipeg
  2. "Cronología biográfica Pablo Neruda". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2013. Consultado o 12 de outubro de 2013. 
  3. "El poema que cruzó el Atlántico". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2012. Consultado o 12 de outubro de 2013. 
  4. "Los gallegos que salvó Pablo Neruda" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de outubro de 2013. Consultado o 12 de outubro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]